domingo, 11 de octubre de 2009

Campaña "Pobreza Cero" - Antecedentes



“Somos a primeira xeración capaz de erradicar a pobreza”. Esta frase, acuñada nas Nacións Unidas, converteuse no lema da maioría das ONGD españolas e galegas nos últimos anos.

No ano 2000 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración do Milenio, na que 189 Xefes de Estado e goberno se comprometeron a facer todo o posible para erradicar a pobreza, promover a dignidade humana, a igualdade, acadar a paz, a democracia e a sostebilidade ambiental. Para isto, e antes do 2015, deben acadarse os oito Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, que contén a devandita Declaración.

Trala Declaración do Milenio, a sociedade civil mundial organizouse para esixir aos seus gobernos que se responsabilizasen no cumprimento dos ODM, constituíndose así o “Chamamento Global de Acción contra a Pobreza” (GCAP, nas súas siglas en inglés)

No marco da GCAP, a Coordinadora Española de ONGD e todas as Coordinadoras autonómicas, entre elas a Coordinadora galega de ONGD, lanzaron no 2005 a Campaña Pobreza Cero, que constitúe unha das maiores mobilizacións que cada ano, arredor do 17 de outubro, teñen lugar en España e en Galicia, e na que participan a case totalidade das ONGD españolas e galegas.

Dende Galicia, ao amparo do impulso da Coordinadora Galega de ONGD, constituíronse pequenas redes locais impulsoras da Campaña Pobreza Cero nas sete principais cidades galegas: A Coruña, Lugo, Ferrol Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo). Nestas redes participan as 48 ONGD integradas na Coordinadora Galega.

No hay comentarios: